biblioteca escolar.milladoiro.malpica
"Sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca" (Jorge Luís Borges)
19.12.25
15.12.25
Guía de Nadal 2025
Un ano máis chega a guía de Nadal. Unha guía que recolle lecturas diversas para lectores/as divers@s.
Un Nadal cheo de palabras. Lecturas que acollen palabras emocionantes, divertidas, curiosas, rebuldeiras para compartir, informarse, rir...
A seguinte imaxe reflicte a exposición de Nadal, a cal acolle máis lecturas para agasallar.
Regalos para este Nadal ou calquera día do ano.
10.12.25
Biblio-Retos: RETARTE! (1º trimestre)
Ao longo do 1º trimestre os biblio-retos do mural RETARTE! tiveron moi boa acollida.
A arquitectura, a pintura e a música foron as tres artes protagonistas. O alumnado, de maneira voluntaria, ocupou os seus recreos en superar os retos mediante os cadernos-informe que debían depositar na urna correspondente para ser valorados e recibir o premio final. Todos/as superaron os retos sen dificultade.
O cine será a arte que dea continuidade a esta actividade no 2º trimestre. Actividade relacionada co PDI que nos ocupa e dinamizada polo equipo de Biblioteca-Dinamización da Lingua, co obxectivo de desenvolver a alfabetización múltiple e o acceso á información mediante os recursos da biblioteca.
Continuará...
5.12.25
Clásicos.. do mes!
Este curso inauguramos nova exposición na biblioteca, atendendo á literatura como arte recollida no PDI de centro. Concretamente á literatura clásica, lecturas atemporais e universais que se instalan, moitas veces, no imaxinario de todas/os sen a necesidade de ser lidas.
Visibilizar exemplares de tan alto valor educativo e cultural é imprescindible; así Ítalo Calvino recórdanos que
"Se llama clásicos a los libros que constituyen una riqueza para quien los ha leído y amado, pero que constituyen una riqueza no menor para quien se reserva la suerte de leerlos por primera vez en las mejores condiciones para saborearlos"
A seguir gozando da literatura, a arte da palabra.
3.12.25
Decálogo inclusivo pola disCAPACIDADE
Hoxe, Día Internacional das persoas con disCAPACIDADE, presentamos o noso decálogo inclusivo. Un decálogo de tod@s, un decálogo diverso para promover os dereitos e o benestar das persoas con disCAPACIDADE.
Valorar hoxe, e todos os días do ano, que tod@s somos capaces sempre e cando...
SUMEMOS CAPACIDADES!
12.11.25
Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas 2025
Presentamos o recurso creativo deseñado polo equipo de BE-DL para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.
Un recurso a disposición de toda a comunidade na nosa aula taller e que ten como obxectivo a búsqueda de información para programar o robot educativo elexido e chegar a casa correspondente do taboleiro robótico.
Un recurso para todo o curso escolar, conmemorando o Mes da Ciencia, o Día da Muller, dando tratamento á igualdade de xénero, a dinamización da nosa lingua e ao acceso á información, entre outros contidos.
Ao tempo, achegamos enlace a outros recursos dispoñibles no blog da Asesoría BEGA en relación coa conmemoración:
Por unha ciencia en galego e en igualdade... todos os días do ano!
11.11.25
Leo le.. NOVIDADES!
Presentamos as novidades que mercamos e catalogamos ao longo do 1º trimestre do presente curso.
Novidades de literatura de ficción e non ficción: narrativa, banda deseñada, poesía, informativos...
Libros para todos os gustos, para o empréstito a domicilio ou para as aulas, un mar de letras para gozar da lectura como fonte de placer e benestar, para informarse e aprender.
Valorando a literatura como a arte da palabra e as nosas librarías de proximidade como motores de promoción da lectura e da cultura, xa que hoxe están de celebración como se reflicte na seguinte imaxe:
Continuará...
10.11.25
Entrega I Premio "Na lingua que eu falo" da RAG
O vindeiro luns 17 de novembro ás 11:00 horas terá lugar no Centro Cívico a entrega do I Premio "Na lingua que eu falo" da Real Academia Galega. Premio a toda unha comunidade implicada e concienciada na dinamización e normalización da nosa lingua nai.
A imaxe reflicte o convite que desde a Dirección do centro se remitiu a diversos membros, propios ou alleos á comunidade, e a cal queremos dar difusión desde o blog da nosa biblioteca.
As portas do Centro Cívico abriranse o luns 17 a todas/os as/os que queiran compartir coa nosa comunidade a entrega de dito galardón da man dos académicos da RAG.
Achegamos a nota de prensa publicada na páxina web da RAG:
7.11.25
Magosto 2025
29.10.25
Día das Bibliotecas 2025: Biblioteca-Leolab
Pechamos a semana das Lecturas Terroríficas na biblio visionando o vídeo-resumo da apertura, un curso máis, da nosa Biblioteca-Leolab, conmemorando o Día das Bibliotecas 2025.
Contra a DESINFORMACIÓN: BIBLIOTECAS, SEMPRE!
27.10.25
XVI Lecturas Terroríficas na biblio 2025
Celebramos a chegada do Samaín coa XVI Semana das Lecturas Terroríficas na biblio.
Producións propias e alleas que se representarán ao longo da semana no escenario da nosa biblioteca, dinamizando a lingua, animando á lectura e á escritura, conmemorando.
A música, o cine e a literatura como artes a tratar, atendendo ao PDI que nos ocupa.
Recomendamos visitar os blogs de ciclo para coñecer e saber máis sobre cada actuación.
Unha semana de cantos e contos para pasalo... de medo!
16.10.25
Día das Escritoras 2025
Literatura. A arte da palabra... escrita! ELAS, ESCRIBEN! é o título do mural que preside o corredor do 1º andar para pór en práctica a formación de usuari@s, conmemorando o Día das Escritoras 2025.
O mural, atendendo ao PDI que nos ocupa, destaca a arte de 6 escritoras que é imprescindible coñecer. Ao tempo, achegamos caderno-informe para dar tratamento a diferentes contidos da formación de usuari@s: sinaturas, datos identificativos dos libros, catálogo da nosa biblio...
Ao longo do mes de outubro, todas as aulas teñen a súa disposición este valioso recurso, valorando a arte da literatura escrita por... ELAS!
Quen se une ao reto?
Leo quere... MARABILLARTE!
14.10.25
Proposta de actividades 2025-26
Presentamos a proposta de actividades en relación co novo Proxecto Documental Integrado que inicamos no presente curso, "Marabillarte". Unha proposta que recolle actividades anuais e trimestrais, entre as cales destacamos as propostas de cada ciclo en relación con conmemoracións varias.
Actividades como os nosos Laboratorios de Aprendizaxe, nos que o uso de espazos e recursos creativos da Biblioteca Escolar-LeoLab son un privilexio ao que non podemos renunciar: metodoloxías activas nas que o alumnado é protagonista das súas aprendizaxes, non sendo o libro de texto a única fonte de consulta nin a aula ordinaria o único espazo educativo.
Ao tempo, a proposta acolle actividades sistematizadas e que nos son propias: dinamizando a lingua, animando á lectura, á escritura, a creación de producións propias e facilitando/favorecendo a búsqueda, tratamento e comunicación ética da informaicón, xunto co coñecemento e uso dos fondos da nosa biblio (novidades, teatro, banda deseñada, ensino...), entre outras.
Un novo curso para seguir lendo, escribindo... informándonos!
26.9.25
Premiad@s RAG: "Na lingua que eu falo"
Hoxe, Día Europeo das Linguas, celebramos o I Premio "Na lingua que eu falo" da Real Academia Galega (RAG) que foi concedido a nosa comunidade educativa.
Un premio que visibiliza o traballo silandeiro e continuo a prol da normalización e dinamización da nosa lingua, o bo facer de toda unha comunidade implicada na protección e conservación da lingua que nos é propia.
Premendo na seguinte imaxe poderedes acceder ao dossier de prensa, achegado pola RAG, no que se recolle a boa nova publicada en diversos medios:
Seguimos dinamizando a lingua, concienciando da necesidade de conservar o noso rico patrimonio, orgullo@s do noso, hoxe e sempre; tal e como se pode ver na seguinte produción audiovisual:
Agradecid@s á Real Academia Galega polo galardón concedido e...
PARABÉNS A TODA A COMUNIDADE!
22.9.25
Plan Anual de Biblioteca-Leolab 2025-26
Presentamos o Plan Anual de Biblioteca-Leolab (PAB) para o curso que iniciamos. Un plan que muda de nome (ata o presente curso Plan Lector Anual), mais segue reflectindo a esencia do que somos e facemos no CEIP Milladoiro, coa súa Biblioteca-Leolab como recurso imprescindible ao servizo do currículo e da comunidade.
O PAB completa o trío documental da Biblioteca-Leolab xunto co Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información (PLEA) e o Plan de Biblioteca-Leolab (PB), aos cales podedes acceder desde o apartado Documentos da columna dereita do presente blog.
O PAB, que será integrado nas Programación Didácticas de Aula, acolle obxectivos, actividades, organización espazo-temporal e itinerarios lectores, entre outros apartados. Itinerarios que se reforzan cos títulos do Plan Lector 2025-26.
Ao tempo, iniciamos unha nova aventura competencial co PDI "Marabillarte", incluído no PAB, na procura de máis lectura, información e aprendizaxe arredor dun centro de interese que nos une: as 7 artes.
Leo anímate a... MARABILLARTE!
Novo curso... novos retos, novas aventuras!
24.6.25
Graduación e xogos en familia
O pasado venres graduáronse o alumnado de 6º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria, acompañados de todo o alumnado e das súas familias (podedes ver todas as fotos premendo no seguinte enlace: graduación 2025). Ademais de despedir a dúas compañeiras que comezan unha nova etapa polo que foi un día de moitas emocións. Despois a ANPA organizou unha merenda no centro e celebramos unha nova xornada de xogos en familia. Todas as fotos no seguinte enlace: xogos en familia.
20.6.25
Un PDI... do máis natural!
Chegamos a porto, unha nova singradura chega ao seu fin. Presentamos un resumo audiovisual do PDI que nos ocupou os dous últimos cursos escolares: experiencias de vida do máis naturais.
Agradecid@s a toda a comunidade, pola súa implicación en cada actividade, polas responsabilidades individuais e colectivas, dentro e fóra do horario lectivo, para que a nosa escola bibliotecaria continúe a senda da educación de calidade, pública e rural, por e para tod@s.
19.6.25
Convivencia intercentros 2024-25
No día de hoxe celebramos a xornada de convivencia intercentros organizada polo Concello de Malpica.
Había moitas ganas de pasalo ben entre amig@s: saltando, bailando... xunt@s!
Agradecemos ao Concello, un ano máis, a invitación a unha lúdica xornada que se desenvolveu no CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño.
17.6.25
Xornada de xogos de mesa
Hoxe vivimos unha intensa xornada de xogos de mesa, onde os alumnos do 3º ciclo de Educación Primaria foron os árbitos de diferentes xogos: twister, parchís, tres en raia, uno, vaca, as 7 marabillas do mundo... para o resto de alumnado de primaria. Despois do recreo sumáronse o alumnado de Educación Infantil con xogos tradicionais, vivindo así un gran día de convivencia. Podedes ver todas as imaxes premendo no seguinte enlace: xornada de xogos.
16.6.25
Xornada sobre rodas 2025
Un curso máis, desenvolvemos a Xornada sobre rodas. Unha actividade que gusta a peques e maiores, vivenciando a educación vial: respectando os sinais verticais, o sentido da circulación e á autoridade, representada polo alumnado de 6º de primaria que facilitou a circulación e ata aplicou algunha sanción por velocidade.
Feliz verán... sobre rodas!












.jpg)




.jpg)



.jpg)
.jpg)



















